Crónica - Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial - Xornada Comunitaria en Caranza: 19 de Maio de 2012



Xornada Comunitaria en Caranza: Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial - 19 de Maio de 2012


Desde primeira hora do sábado a actividade do mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial. Moitas das grises persianas de ferro, que manteñen fechados máis do 80% dos postos, aparecían cubertas de cores, de debuxos infantís co colorido alegre que os caracteriza, e de propostas, moitas propostas para converter unha das zonas máis deterioradas do barrio, nun espazo útil, dinámico e con valor para a comunidade.


Cinco asociacións de Caranza, a ANPA do IES Carvalho Calero, a ANPA do CEIP Manuel Masdias, a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Asociación Sociocultural López Bouza e o Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, teñen trazado un camiño común para a posta en valor dun barrio que precisa dunha intervención comunitaria para mellorar a calidade de vida das persoas que o habitan.


O mercado de Caranza simboliza esa necesidade do barrio de reconstrución e rehabilitación. O abandono institucional que ven sufrindo este edificio público e o espazo que o circunda, decidiu a este grupo de asociacións a centrar a súa intervención comunitaria nel. Para iso contaron e contan co asesoramento e colaboración da delegación ferrolán do Colexio de Arquitectos de Galicia e da Asociación de Vendedoras e Vendedores do Mercado de Caranza.


Comezouse por realizar enquisas entre a veciñanza para recoller a súa opinión sobre a situación do mercado e coñecer as propostas e solucións que poden aportar.


Desde os centros públicos do barrio realizáronse visitas e traballos escolares sobre o mercado, animando á creación de ideas e solucións para este espazo público.


O sábado 19 foi a primeira cita para, dentro das propias instalacións do mercado, celebrar unha primeira xornada comunitaria para a posta en valor do mercado e comezar a criar colectivamente o proxecto da súa recuperación.


Unha das paredes do mercado proxectou imaxes de informativos onde os operadores e operadoras do mercado denunciaron en repetidas ocasións as condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo. Como contrapunto imaxes doutros mercados galegos, mostraban o que podería chegar a ser o noso.


A continuación, nun improvisado espazo entre dos postos de venda de froitas e verduras, Toni García, arquitecto, explicaba como barrios semellantes ao nosos en Europa, comezaron o camiño da rehabilitación con participación comunitaria hai xa varios anos. Explicou tamén como a arquitectura cambiou o camiño que tiña trazado até o século pasado, un camiño que comezaba por pensar os edificios, para ocupar espazos e posibilitar a vida. Agora o camiño recorrese á inversa, pensamos a vida e os espazos para decidir o tipo de edificio.


O arquitecto Miguel Raimúndez, encargouse da visita guiada polas instalacións do mercado, para ver, tanto os problemas derivados do paso do tempo e da falta de mantemento; aqueles problemas derivados dunha construción onde non se resolveron ben algúns problemas de permeabilidade; ou  aqueles outros que se derivaron de aplicar unha mala solución para os primeiros. Entrada de luz, ventilación, filtracións, evacuación de augas, cubertas... e unha viga exterior que precisa, xunto a esquina leste da cuberta, unha intervención urxente para evitar máis deterioro.


No espazo situado detrás do mercado improvisouse unha pequena asemblea onde se nos explicou as características das dúas parcelas que o conforman. Unha Casa da Mocidade, unha praza pública para celebrar as festas e o feirón, un espazo para o lecer e a convivencia... foron algunhas das ideas que comezaron a encher aquel espazo de soños que están chamados a converterse, na realidade dun barrio que desperta a unha nova etapa de construción comunitaria.


O acto nos medios:
Defenden a rehabilitación fronte á derriba nunha xornada sobre o mercado de Caranza [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 20.05.2012]


Rehabilitación [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 20.05.2012]


Saíu na Portada do Diario de Ferrol na edición impresa do Domingo 20 de Maio de 2012 [Acceder]


Cinco entidades de Caranza organizan unha xornada en torno ao mercado do barrio [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 17.05.2012]


Ferrol | Cinco asociacións de Caranza organizan unha xornada sobre o mercado do barrio | A cita é o sábado na propia praza de abastos [Ir ao xornal: La Voz de Galicia - 16.05.2012]


Enlaces de interese:


Blogues con información das actividades conxuntas das Asociacións do Barrio de Caranza - Ferrol.
http://barriodecaranza.blogspot.com.es/

http://caranza-ferrol.blogspot.com.es/



Fotos de Susete'70.


Fonte: Ártabra 21
________________